Tema 3 didáctica: Estratexias de comunicación. A comunicación oral e escrita e o seu tratamento na aula (Cristina)

 A comunicación oral e escrita e o seu tratamento na aula

No tema 3 da materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras traballamos con procedementos para o fomento das habilidades comunicativas na aprendizaxe de linguas estranxeiras e centrámonos en actividades de mediación, comprensión, expresión e interacción, tanto orais como escritas. ¿Queredes saber cales foron as aprendizaxes máis significativas?


Primeira sesión

Na primeira sesión, a docente presentounos o concepto de mediación e proporcionounos unha visión esclarecedora sobre o seu uso social e o seu propósito facilitador da comunicación, xa que eu non posuía un gran coñecemento desta actividade da lingua. Antes de comezar a explicación, tivemos que formar grupos para confeccionar unha definición de mediación e plurilingüismo e, despois, fixemos unha posta en común para compartir as nosas achegas.

Ao rematar, a docente expúxonos unha presentación que pretendía abordar os tres elementos que se poden ter en conta á hora de mediar (lingua, contido visual ou multimodal e cultural), á parte das diferentes actividades de mediación que se poden levar a cabo (mediar textos, conceptos e a comunicación). A dinámica da clase funcionou moi ben, posto que se nos ían describindo exemplos de mediación e nós tiñamos que especificar se involucraba transmisión de datos concretos, explicación de datos, resumo de textos, mediación cultural ou de conceptos.

Persoalmente, eu penso que a mediación supón un cambio de paradigma na planificación e na ensinanza de linguas, polo que creo que debemos introducila nas aulas da Educación Secundaria Obrigatoria co propósito de aplicar un enfoque orientado á acción que deseñe tarefas en base ás necesidades do mundo real. Porén, creo que os docentes deben estar familiarizarnos con múltiples tipoloxías textuais para poder elaborar actividades de mediación que se adecúen ao propósito comunicativo.

De feito, a autora Gema Alcaraz Mármol (2019) levou a cabo un estudo no que se pretenderon coñecer as ideas e actitudes do alumnado de 2.º de Bacharelato respecto á mediación lingüística. Preséntovos, a continuación, as principais conclusións ás que chegou a autora:

Fonte: elaboración propia a partir do artigo.

Segunda sesión

Na segunda sesión, deseñamos actividades de mediación lingüística por grupos. No meu caso, nós enfocámonos en empregar o cine como motivación e en satisfacer a necesidade de que o alumnado se comunicase con estudantado de intercambio do Reino Unido. A  idea era que os alumnos e alumnas de 4.º da ESO planificasen saídas ao cine cos compañeiros e compañeiras de intercambio, así que creamos dúas carteleiras para que falaran do argumento e acordaran o día e a hora da sesión:

Ao rematar, pasamos a abordar o tema das actividades de comprensión escrita e oral e tamén se nos presentaron exemplos concretos que podían ser proveitosos para entender como podemos explotar os vídeos segundo cal sexa o noso obxectivo (comprender ideas, comprender vocabulario, continuar unha historia, substituír ao libro de texto...). De todos os xeitos, para aplicar a teoría á práctica, a docente propúxonos que deseñásemos unha actividade de comprensión oral ou escrita, así que esta práctica contextualizada serviu para aprender a establecer obxectivos de aprendizaxe claros e a buscar textos orais útiles que nos permitan acadalos.

Terceira sesión

Na terceira sesión, alén da comprensión, pasamos a falar das actividades de expresión e interacción. En primeiro lugar, falamos da relevancia de realizar mini-expresións escritas na aula e de entender a expresión escrita como un proceso no que debe haber unha planificación, un primeiro borrador e unha versión final. Así, unha das ideas que máis me chamou a atención á hora de organizar estes tres pasos nas aulas do curso foi o feito de crear un portfolio que potencie a autonciencia do alumnado e o anime a traballar no seu progreso.

Segundo o meu criterio, a creación deste tipo de portfolios fomenta a autorreflexión e a metacognición dos alumnos e alumnas, que teñen a oportunidade de analizar o seu propio desenvolvemento na aprendizaxe da lingua. Ademais, tamén incentiva a mellora continua, promove a responsabilidade e a personalización da aprendizaxe, na que o propio alumnado é consciente das súas fortalezas e dos puntos que debe mellorar. Porén, penso que estas actividades de expresión deben estar contextualizadas e baseadas en situacións da vida real para que sexan máis significativas.

A modo de exemplo, na clase realizamos unha dinámica na que partimos de situacións auténticas, así que o meu grupo planeou unha actividade pensada para crear recensións sobre restaurantes locais da cidade que, posteriormente, se publicarían online ou na oficina de turismo. Así mesmo, tamén tivemos que reflexionar sobre o feedback e as correccións que lle daríamos ao alumnado tras realizar a recensión, así que chegamos á conclusión de que non estableceríamos notas numéricas nin corrixiríamos con bolígrafo vermello. O obxectivo sería proporcionarlle retroalimentación construtiva que se centrase en destacar os elementos positivos e sinalar os problemas ou os aspectos que se poderían mellorar.

A continuación, déixovos este vídeo, que resume o libro Visible Learning Feedback e brinda consellos sobre como proporcionar feedback antes, durante e despois da tarefa: 

Alén da expresión escrita, tamén falamos da expresión oral e da súa situación como un continuo entre a espontaneidade e a planificación. Na miña opinión, é preciso considerar diferentes aspectos e criterios á hora de avaliar a expresión, xa que na expresión oral planificada pode esperarse unha maior coherencia estrutural e lóxica do discurso, mentres que na espontánea deben aceptarse expresións menos estruturadas e un vocabulario menos amplo.

Neste sentido, creo que como docentes debemos ter en consideración o tema da ansiedade e o seu impacto no desenvolvemento da expresión oral na clase de lingua estranxeira. Por esta razón, gustaríame recomendarvos un artigo que proporciona información sobre este tema. O estudo levouse a cabo con alumnado de primeiro a quinto nivel do programa de suficiencia en lingua estranxeira da Universidade Técnica do Norte. Non obstante, é imprescindible considerar que nós traballaremos con adolescentes en proceso de construír a súa identidade, así que os datos poderían variar. A continuación, compártovos algunhas das conclusións do artigo que debemos ter en conta ao enfrontarnos a unha aula:

Fonte: elaboración propia a partir do artigo.

Para finalizar, tamén me gustaría mencionar unha actividade que fixemos na que buscamos e compartimos recursos para a nosa futura práctica docente. Individualmente, investigamos actividades entretidas de reactivación e expresión oral e isto foi moi útil para coñecer ferramentas que nos poden axudar no noso futuro.

En definitiva, o tema 3 permitiume afondar en conceptos vinculados a actividades de lingua que non coñecía e proporcionoume estratexias para deseñar actividades de mediación, comprensión, expresión e interacción. Grazas a isto, non só traballei na miña competencia lingüística e dixital, senón tamén na miña capacidade para aprender a aprender, posto que os docentes deben ser modelos de aprendizaxe continua nun mundo de constante cambio, onde a información cambia rapidamente e presenta desafíos educativos que nos obrigan a manternos actualizados.

Bibliografía:

Alcaraz, G. (2019). Actitudes frente a la Mediación Lingüística en un contexto de Educación Secundaria. Revista Nebrija de Lingüística Aplicada a la Enseñanza de Lenguas, 13(27), pp. 112-128. https://revistas.nebrija.com/revista-linguistica/article/view/322/297

Mantilla, M. e Guevara, S. (2019). La incidencia de la ansiedad en el desarrollo de la habilidad de expresión oral en la clase de lengua extranjera. Revista Sarance, 42, pp. 29-42. https://revistasarance.ioaotavalo.com.ec/index.php/revistasarance/article/view/766

Comentarios

  1. ¡Hola, Ariadna!

    Me ha encantado tu entrada en general, pero especialmente la parte en la que hablas de la mediación. Estoy totalmente de acuerdo con que la mediación es una práctica fundamental para preparar al alumnado para la comunicación en el mundo real y, por ello, como docentes tenemos que estar preparados para introducirla en el aula. Me ha gustado especialmente el cuadro con las conclusiones del estudio de Gema Alcaraz que has incluido, ya que me parece interesante ver la reacción de los estudiantes ante distintas actividades de mediación, y es algo que tendré en cuenta a la hora de realizar este tipo de actividades en el futuro.
    Por último, me gustaría decir que, además del estudio mencionado anteriormente, tanto el vídeo como el artículo me han parecido muy útiles y una gran adición a tu entrada.

    Un saludo,
    Paula

    ResponderEliminar
  2. Ola Ariadna!

    A verdade gustome moito a túa entrada, tanto o contido como a forma en que o expos. É moi fácil seguir a redacción e a vez moi interesante. En particular, estou moi de acordo contido en que é moi importante comezar a introducir moito máis a mediación nas aulas e que esta cobre a importancia que merece e que ten na vida cotiá. Neste sentido, tes toda a razón cando comentas que debe estar orientada a acción, pois ao final as linguas son para responder a necesidades comunicativas reais.
    Por outra banda, tamén me pareceu de interese a relación entre a ansiedade e o medo e a dificultade para expresarse nunca lingua estranxeira. Pois ben certo que esta non so depende das aptitudes do falante, senón tamén doutros factores como o que que expós. Por consecuencia, é moi importante identificar estes casos para axudar aos alumnos a superar eses medos a falar en diferentes situacións e linguas.

    ResponderEliminar
  3. O comentario anterior é meu, que non sei por que aparece como anónimo.
    Saudos :)

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Tema 11 didáctica: A avaliación na aula de linguas estranxeiras

Tema 5: O deseño curricular base para as linguas estranxeiras (Gonzalo)

Tema 6: As programacións didácticas vixentes (Gonzalo)