Tema 5: O deseño curricular base para as linguas estranxeiras (Gonzalo)
Ola
de novo a todos e a todas! Nesta entrada, expoñereivos as miñas reflexións e
opinións sobre o tema 5 da materia As Linguas Estranxeiras no Contexto Español
e Internacional, co obxectivo de analizar as competencias adquiridas e
presentar os resultados das actividades e traballos realizados.
Antes de comezar, é preciso subliñar que o tema estivo organizado en tres sesións e se centrou, principalmente, no deseño curricular base para as linguas estranxeiras. Non obstante, o docente adoptou un enfoque e unha metodoloxía distinta en cada unha delas, así que participamos en diversas actividades que nos permitiron abordar os aspectos clave do deseño curricular, a organización das ensinanzas de idiomas de réxime especial e o papel das linguas estranxeiras nos currículos da Educación Secundaria Obrigatoria, o Bacharelato e a Formación Profesional.
Na
primeira sesión, comezamos cunha presentación da materia para familiarizarnos
cos obxectivos, os contidos e a metodoloxía de avaliación, unha introdución
que, desde a miña perspectiva, é moi útil para que o alumnado poida desenvolver
estratexias de planificación que se axusten ás súas necesidades individuais.
Tras
especificar o que se esperaba de nós, dedicámonos a facer un repaso do
currículo, os seus elementos, as súas competencias básicas, os graos de
concreción curricular e os tipos de avaliación. Neste proceso de rememoración,
o docente introduciu unha plataforma denominada Wooclap que nos permitiu
responder a preguntas interactivas coas que consolidamos conceptos que aínda
non tiñamos asimilados. Alén disto, falamos dos entry and exit tickets,
que posibilitan identificar puntos débiles e reflexionar sobre o aprendido.
Segundo
o meu criterio, estas ferramentas poden ser grandes aliadas na
avaliación formativa, xa que axudan a realizar un seguimento do progreso do
alumnado, facilitar a discusión entre todos e favorecer a súa flexibilidade
cognitiva á hora de adaptarse a diferentes tipos de preguntas.
Así
mesmo, outra das dinámicas nas que nos mergullamos ese primeiro día foi o
método de actividade piramidal. O seu obxectivo era que confeccionásemos unha
definición de currículo e concretásemos os seus elementos en grupos construídos de xeito piramidal (parellas, grupos de catro, oito, dezaseis…), nos que tiña que haber alguén que fose portavoz.
Na
miña opinión, este método de construción conxunta da aprendizaxe fomenta
o traballo en equipo, as habilidades sociais e a toma de decisións, xa que, a
medida que os grupos son máis grandes, máis difícil é chegar a acordos e a unha
única definición. De todos os xeitos, convén que en cada rolda se fagan
rotacións de portavoces porque senón pode que as persoas introvertidas non se
animen a participar activamente.
No
que atinxe á aula de lingua estranxeira, penso que é un método flexible que ofrece
oportunidades para recibir retroalimentación entre iguais, polo que se podería empregar
para abordar temas controvertidos na lingua estranxeira, expresar opinións e
chegar a conclusións. Ademais, dado que insta ao alumnado a utilizar o
pensamento crítico, considero que pode ser proveitoso para analizar textos
literarios e inferir significados de xeito colaborativo.
Despois de descubrir estes métodos, na segunda sesión traballamos cos currículos da ESO, Bacharelato e FP. O docente dividiunos en minigrupos de, aproximadamente, tres integrantes e asignounos unha etapa e un tema relacionado con varios aspectos do currículo, que pretendían remarcar o papel das linguas estranxeiras dentro del. No noso caso particular, o meu grupo e mais eu debiamos buscar información acerca dos obxectivos e os criterios de avaliación no currículo de Bacharelato (Decreto 157/2022), polo que traballamos a nosa competencia dixital e lingüística para elaborar unha presentación e expoñela diante do resto da clase. Este foi o noso resultado:
Nesta sesión, dedicámonos a seleccionar información relevante e, ao rematar, o docente avaliouna e brindounos feedback útil para orientarnos e motivarnos. O resto do tempo destinámolo a reflexionar criticamente sobre os conceptos para poder relacionalos e presentar a información dun xeito claro, aínda que non foi unha tarefa sinxela porque a lexislación é rigorosa e densa. Para finalizar, tamén se nos asignou individualmente unha parte do currículo das ensinanzas de idiomas de réxime especial (EOI) a partir da que tiñamos que elaborar unha diapositiva para presentala ao día seguinte:
Unha
vez rematada a sesión, o terceiro día estivo dedicado ás presentacións dos
diferentes grupos, nas que cada minigrupo tiña que autoavaliarse e coavaliar a outro mediante unha rúbrica. Grazas a ela, aprendemos a valorar traballos sen necesidade de outorgar unha puntuación numérica e finalizamos estas dúas últimas sesións de aprendizaxe entre iguais. Dado que cada grupo asumiu a responsabilidade de investigar a fondo un
tema específico, os alumnos e
alumnas que llo estaban presentando ao resto da clase comprendérono en profundidade e o alumnado espectador interactuou e escoitou activamente.
Por esta razón, creo que, a través deste método, os estudantes teñen a posibilidade de coñecer os aspectos fundamentais dunha presentación (contido, estrutura, deseño...) e construír o seu propio entendemento. Por unha
banda, como todos desempeñan un rol activo no grupo, é unha técnica
que promove a participación activa e mellora, á súa vez, as
habilidades comunicativas, sociais e de traballo en equipo, vinculadas á
competencia persoal, social e de aprender a aprender. Por outra banda, pode ser un
método funcional para aumentar a motivación intrínseca do alumnado porque, en
lugar de escoitar unha explicación teórica e pouco atractiva por parte do
docente, ten a posibilidade de abordar o tema que lle toque como prefira,
axustarse aos seus intereses e ás necesidades dos membros do grupo.
Porén, se algunha agrupación non comprende e traballa no tema que se lle asignou, a
calidade e a recepción da información podería verse afectada e algúns alumnos e
alumnas poderían distraerse se as presentacións non están ben
estruturadas ou non se axustan ao tempo establecido. En vista disto, no caso dunha
aula de lingua estranxeira, habería que introducir temas de interese para o alumnado, non calquera cuestión que non o motive a investigar.
En definitiva, tras expoñer estas reflexións, podemos afirmar que nesta viaxe educativa sementamos contidos esenciais para a tarefa
docente e cultivamos competencias que nos permitiron obter os resultados que se presentan a continuación:


Ola Ariadna! Antes de nada, encántanme estas diapositivas tan visuais que creaches para sintetizar a estructura e as características deste tema, así como os seus resultados e dificultades. Moi boa idea! Tamén quería transmitirche os meus parabéns pola vosa presentación na segunda sesión. Antía, Mónica e mais ti fixestes un moi bo traballo: claro, directo, ameno; foi un gusto seguirvos, e iso que non é nada fácil transmitir así de eficazmente uns contidos como os obxectivos e os criterios de avaliación, que no currículo están recollidos de xeito un tanto denso.
ResponderEliminarEstou de acordo coa túa valoración da técnica do debate piramidal e co que sinalas sobre a rotación das portavoces. É importante que as mesmas alumnas/os non acaben adoptando sempre os mesmos roles! Tamén me parece moi interesante o que compartes sobre o risco que, na técnica do rompecabezas, a falta de comprensión ou elaboración pobre da presentación por parte dun grupo pode supor para a comprensión e asimilación da información por parte do resto das compañeiras. Un posible efecto dominó que debemos ter en conta á hora de levar esta técnica á nosa práctica docente e para cuxa prevención, como ben dis, pode ser unha boa abordaxe prestar especial atención á motivación do alumnado.
Grazas polas túas reflexións! Felices festas!
Ola! Grazas por compartir as túas reflexións sobre o tema 5 da materia. Chamoume a atención a túa análise do método de rememoración que fixemos na primeira sesión, pois por medio do Wooclap puidemos responder a preguntas sobre os contidos que discutiramos con anterioridade para asimilalos mellor. Isto brinda ao alumnado a oportunidade de aplicar de xeito inmediato ditos contidos, o que contribúe a unha mellor retención e comprensión. Ademais, isto permite ao profesorado avaliar o nivel de comprensión da clase en tempo real para identificar áreas problemáticas, abordar posibles malentendidos antes de que se convertan en obstáculos maiores e adaptar o seu enfoque en consecuencia.
ResponderEliminarRespecto ao método da actividade piramidal e o seu impacto no traballo en equipo, habilidades sociais e toma de decisións, creo que quedou claro que é unha maneira excelente de facer que ata as persoas máis introvertidas participen e aporten. A suxestión de aplicalo no tratamento de temas controvertidos para fomentar o pensamento crítico tamén é interesante, pois a dinámica deste método promove o traballo a comunicación efectiva para construír entre todos e todas argumentos sólidos e presentalos de xeito coherente.
Ademais, quería felicitarte pola presentación que realizaches co teu minigrupo de traballo. Como se ve na presentación que subiches á túa entrada, as diapositivas son creativas e ordenadas e gustaríame destacar a efectividade do contido delas, pois a pesar de que na aula o que diciades de xeito oral era información concreta e extensa, as diapositivas permiten seguir o discurso de xeito claro sen necesidade de ocupalas con demasiadas letras.
En resumo, a túa entrada ofrece unha visión completa e enriquecedora da túa experiencia nas sesións da materia. Espero ler máis sobre as túas reflexións do tema 6! 😊