Tema 11 didáctica: A avaliación na aula de linguas estranxeiras
A avaliación na aula de linguas estranxeiras
No tema 11 da materia de Didáctica
da Ensinanza das Linguas Estranxeiras, abordamos a avaliación na aula de
linguas estranxeiras e prestamos atención ao uso de rúbricas e á importancia de
distinguir entre avaliación inicial, formativa e final. Durante as sesións,
traballamos con distintas ferramentas e comprobamos que a avaliación non se
pode desligar da docencia, así que será interesante compartirvos as principais aprendizaxes
do tema.
Primeira sesión:
Na primeira sesión, falamos de
distintos instrumentos de avaliación, pero centrámonos nas rúbricas de
avaliación para a expresión oral e escrita, polo que afondamos nas
características que estas deben posuír (teñen que reflectir os obxectivos de
aprendizaxe e contar con criterios observables e distinguibles, situados nunha
escala que describa a actuación do alumnado). Porén, alén desta exposición teórica
e da reflexión, tivemos que aplicar a teoría á práctica por grupos, a través do
deseño dunha rúbrica elaborada en base á actividade de mediación que confeccionamos
no tema anterior.
Este foi o resultado do meu grupo:
Estas son as miñas impresións
acerca da actividade:
Desde a miña perspectiva, a dinámica
pareceume extremadamente útil, posto que tivemos a oportunidade de contextualizar
a aprendizaxe partindo dunha actividade que xa deseñáramos nós mesmas, así que
puidemos conectar conceptos existentes na nosa estrutura cognitiva. Ademais, ao
longo do proceso, decateime de que a avaliación é unha tarefa complexa na que
nos debemos involucrar, xa que nos procesos de ensinanza-aprendizaxe conflúen
moitos factores e a maioría deles son difíciles de observar e valorar.
Neste sentido, estou de acordo cunha
autora chamada Luisa Herrera Peña (2020), que considera que as rúbricas
permiten intercambiar os criterios que se van aplicar durante o proceso de
ensinanza-aprendizaxe e promoven a autoavaliación, a cal fomenta o sentido de
responsabilidade e autocrítica do alumnado. Por conseguinte, gustaríame incluír
unha cita á que esta investigadora fai referencia na súa tese, na que concibe
a avaliación como parte do proceso de ensinanza-aprendizaxe: a intención é
«pasar de la evaluación de los aprendizajes a la evaluación para
los aprendizajes y a la evaluación como aprendizaje».
Así mesmo, tamén me gustaría referenciar esta tese para distinguir os niveis nos que se clasifican os descritores de desempeño das rúbricas porque me parece útil ter consciencia do que denota cada un deles. Como falamos na clase, normalmente existen catro niveis, pero é o docente quen debe establecer cantos son necesarios para a actividade que está a avaliar:
Segunda sesión:
Na segunda sesión, afondamos na
avaliación inicial, formativa e final, pero enfocámonos principalmente na
formativa porque é á que máis importancia lle debemos outorgar durante as
clases. De feito, dado que este tipo de avaliación se centra máis no proceso da
aprendizaxe, os resultados finais ocupan un segundo lugar e o relevante é
proporcionarlle feedback constante ao alumnado para que traballe no seu
progreso.
En vista disto, a dinámica da clase
consistiu en ir comentando e reflexionando sobre varios aspectos que nos
propoñía a docente para así chegar a conclusións fundamentadas no pensamento
crítico. En primeiro lugar, tivemos que debater por parellas as vantaxes e
desvantaxes das distintas formas de feedback que existen (notas,
comentarios por escrito, descritores de competencia e listas de control,
informes de progreso e reunións) e falamos do proxecto de Ruth Butler no que se
comprobou que o alumnado progresou en maior medida cando só recibía
comentarios.
Neste caso, eu considero que o feedback
por comentarios brinda ao estudantado a oportunidade de reflexionar sobre o seu
traballo e realizar cambios para mellorar, á parte de crear unha conexión máis
significativa entre o docente e o alumno ou alumna. Ademais, o feito de que se
proporcione feedback personalizado é unha mostra de que a persoa que
está avaliando se preocupa polo progreso do alumnado e está comprometida co seu
desenvolvemento académico e persoal.
De todos os xeitos, no que respecta
a este tema, é conveniente mencionar ao docente Dylan William, xa que na clase
compartimos algúns dos consellos que proporciona sobre a retroalimentación. As
súas ideas parecéronme sumamente interesantes, pois creo que, como el di, o feedback
debe resultar en reflexión e debe indicarlle ao alumnado como mellorar. Así,
dado que este tema me pareceu útil e proveitoso para a nosa práctica docente,
gustaríame recomendarvos un vídeo no que este profesional concibe o feedback
como un «traballo de detective».
Nel, Dylan William explica que o
punto clave do feedback é o uso que o alumnado fai del, polo que
realizar comentarios por escrito que despois non se teñan en conta non posúe
utilidade. Deste xeito, afirma que o cadro docente debe dedicar un tempo da
clase a que o alumnado «responda» á retroalimentación. Para iso, defende que
non debemos concibir o feedback como información, senón como desafío no
que o estudantado participe.
Un dos exemplos que máis me gustou é o que enuncia ao falar do alemán. El manifesta que, en lugar de escribirlle ao alumno ou alumna «recorda empregar o xénero gramatical correcto (die/der/das)», escribamos, por exemplo: neste escrito, hai cinco ocasións nas que empregas o xénero gramatical incorrecto. Resaltei dous deles, agora intenta atopar os outros tres.
Non obstante, máis alá deste tema,
tamén abordamos outras estratexias para incorporar a avaliación formativa á
aula. Á parte do feedback, outra das que me pareceu vantaxosa foi o
aproveitamento da autoavaliación e a coavaliación.
Desde a miña perspectiva, ambos os
dous compoñentes son imprescindibles na avaliación formativa por múltiples
razóns. Por unha banda, a autoavaliación fomenta a metacognición e permite que
o alumnado poida tomar medidas concretas para mellorar. Por outra banda, a
coavaliación promove a aprendizaxe colaborativa, a análise crítica e unha
comprensión máis detallada dos conceptos.
De todos os xeitos, penso que tamén é fundamental que exista unha autoavaliación docente por parte dos profesores e profesoras, que deben facer unha introspección para saber que aspectos deben mellorar e cales son sumamente positivos. Aquí vos deixo un vídeo con preguntas que poden servir de axuda para activar a metacognición dos docentes. Neste caso, están relacionadas coa filosofía Montessori, pero poderían adaptarse e cambiarse segundo a metodoloxía empregada:
Para rematar o tema, reflexionamos sobre as vantaxes que pode ter a avaliación formativa. Deste xeito, en grupos de tres persoas, ordenamos, segundo o noso criterio, a importancia dos puntos positivos que posúe este tipo de avaliación:
Finalmente, tocounos a nós deseñar unha avaliación formativa para a actividade de mediación que xa deseñamos en sesións anteriores. Compártovos o resultado do meu grupo:
En definitiva, no tema 11 conseguimos entender os tipos de avaliación e a súa finalidade, reflexionamos sobre o seu papel, aplicamos ferramentas de avaliación e creamos rúbricas para actividades específicas. En liñas xerais, a información coa que traballamos e as habilidades que adquirimos permitíronnos construír unha base sólida para mellorar as nosas prácticas de avaliación e para entender que a avaliación e a figura do docente van da man.
Bibliografía:
Vídeos: https://youtu.be/qmsVYX20qRA?si=isF9XKmDTYT7ymPt
https://youtu.be/qmsVYX20qRA?si=isF9XKmDTYT7ymPt

.png)


.png)
.png)
Que recursos máis interesantes nos achegas coa túa entrada, Ari! Gústanme moito as túas reflexións e sínteses, e o soporte tan visual no que as plasmaches. É unha entrada moi completa, pulida e amena.
ResponderEliminarNon coñecía a autora á que fas referencia, pero, na miña opinión, a cita que elixiches non podía estar mellor expresada e ser máis acaída para o tema. Reflicte perfectamente a necesidade que existe no sistema educativo no tocante a avaliación, que é unha de cambio de enfoque. Isto lévame de novo ao que reflexionamos na clase: non é unha cuestión de máis, senón de mellor.
Do mesmo xeito, paréceme moi importante o que comentas sobre a necesidade de facermos as docentes autoavaliacións. É importante que nunca deixemos de reflexionar sobre o noso traballo, sobre como nos podemos adaptar aos distintos entornos que temos nas aulas e que van cambiando a medida que cambian o propio alumnado e as súas necesidades diversas.
Parabéns polo teu traballo e grazas por compartilo connosco!
Ola, Ari! Grazas pola entrada, paréceme que está moi ben estruturada e mencionas ideas moi interesantes.
ResponderEliminarQuería apoiar o que comentas sobre a autoavaliación e a coavaliación. Dende logo, que o alumnado teña a oportunidade de reflexionar sobre o seu propio traballo axuda a que sexan conscientes das súas fortalezas e áreas de mellora. Deste xeito, poden aumentar a súa autonomía na aprendizaxe e asumir a responsabilidade que teñen no seu progreso académico.
Ademais, esa responsabilidade tamén a asumen á hora de facer coavaliacións, pois poden observar o impacto que teñen as súas valoracións e traballar en ambientes colaborativos. Para isto, é de vital importancia que o profesorado fomente a empatía e faga fincapé na necesidade de percibir distintos puntos de vista e aprender sobre as demais persoas.
Como ben dis ti, avaliar é moi complicado, e máis se o propio sistema o dificulta. Polo tanto, se o profesorado consigue establecer pautas claras e precisas para que o alumnado participe na avaliación, creo que é un bo xeito de cambiar as cousas pouco a pouco. Ao fin e ao cabo, o que vai a motivar e axudar ao alumnado vai ser a forma na que o profesorado proporcione o feedback e faga sentir a cada estudante parte do proceso.
Nada máis que comentar, Ari. Saúdos!
Ola Ariadna!
ResponderEliminarMil grazas pola túa entrada. Penso que fas aportacións moi interesantes e encantoume o vídeo de convertir o feedback nunha misión detectivesca, voume apuntar esta estratexia!
Tamén me gustou moito a túa maneira de facer imaxes coa túa valoración das actividades. Queda moi visual (e bonito) e nótase o exercicio de reflexión. As fontes engadidas son todas moi útiles, graciñas!
Por certo, non sei se é cousa miña porque uso ampliación no ordenador, pero cada dous parágrafos se me desplegaba o menú de arriba, fíxomo un pouco incómodo de ler, a verdade! Con todo, seguín lendo así que é proba de que a entrada paga a pena ^^
Un saúdo!
Boas Ariadna!
ResponderEliminarChamoume moito á atención o vídeo que adxuntaches sobre Dylan William e como explicou o tema do feedback ao alumnado. Pareceme super importante que os alumnos tomen un rol activo á hora de recibir este feedback, e o William propón creo que é moi interesante. Esta metodoloxía fai que os alumnos pensen, razonen e saquen as súas propias conclusións sobre o seu traballo. Asemade, opino o mesmo que o entrevistador Craig Barton, cando dixo que esta mecánica convirte as correccións nunha gamificación.
Tamén explicou que ás veces darlle todo "masticado" ao alumnado causa peores resultados na súa aprendizaxe, alén de que dar un feedback completo e detallado para cada entrega de cada alumno pode ser agotador para o docente, feitos que comprobei na primeira semana de toma de contacto coas prácticas.
Sen embargo, tamén opino que este tipo de feedback podería usarse nos niveles máis baixos mais non en cursos altos como 2º de Bacharelato ou cursos como PDC no que o alumnado conta con necesidades especiais de apoio educativo. No caso de 2º de Bach opino que este feedback debe ser usado en momentos puntuais xa que este curso está máis adicado ás probas de acceso á universidade. En canto a PDC penso que esta metodoloxía pode non funcionar ou non obter os resultados esperados, xa que este alumnado adoita ser moi variado e penso que sería máis doado para eles ter o feedback explicado pola figura docente, en vez de averigualo eles/as mesmos/as.
Moitas gracias pola túa entrada!! Definitivamente terei en conta esta forma de dar feedback se algún día o preciso.
Fátima.