Tema 6: As programacións didácticas vixentes (Gonzalo)
As programacións didácticas vixentes
O tema 6, que
versa sobre as programacións didácticas vixentes, desempeñou un papel
fundamental á hora de actualizar, asimilar e acomodar coñecementos relativos ás
programacións didácticas. Non obstante, tamén nos permitiu ampliar o noso
coñecemento en relación aos procesos selectivos que proporcionan acceso á
función pública docente. De feito, na miña opinión, foi un tema moi útil porque
nos proporcionou información de interese para o noso futuro.
En canto á organización das sesións, só puidemos dedicarlle a sesión do once de decembro, pero aínda así tivemos tempo de comentar todos os aspectos relevantes. Para comezar, o docente dedicou a primeira parte da sesión a explicarnos a normativa sobre as oposicións, que se dividen nunha fase de concurso (40 %) e noutra de oposición (60 %). Dentro desta explicación, pareceume interesante que puidésemos comentar o baremo que se emprega para valorar os méritos da primeira fase, posto que así podemos ir informándonos sobre algún curso que nos permita obter puntos ou acreditar o nivel que posuímos nas linguas estranxeiras.
Neste sentido,
dado que falamos de cursos beneficiosos para a oposición, o docente puxo
exemplos reais de cursos homologados pola Consellería de Educación ou cursos que
podemos realizar, como os ANPE, os da UNED, os da CIG Ensino, os do STEG, etc.
Persoalmente, eu non coñecía a maioría de exemplos que se facilitaron, polo que
agradecín esa orientación, xa que, normalmente, non se abordan estes temas na
aula. De feito, consultei algúns dos sindicatos ou organizacións das que se
falaron e atopei cursos bastante atractivos. A modo de exemplo, dentro de ANPE,
hai cursos para opositores como este, que está certificado pola Universidade
Nebrija e está centrado en descubrir as potencialidades de Internet para fomentar
a aplicación das conexións telemáticas na aula como un novo recurso didáctico.
Fonte: ANPE.
No que
respecta á segunda fase, o docente explicounos que esta está dividida en dúas
probas. Por unha banda, atópase a primeira, que consta de dúas partes: a parte
A, que inclúe unha proba práctica con exercicios, e a parte B, que consiste en
desenvolver un dos temas que forman parte do temario. Unha vez rematada, o
candidato ou candidata debe lela ante o tribunal, polo que ten que intentar
desenvolver os temas da mellor maneira posible e ser fiel ao que escribiu na
lectura pública.
No que atinxe á
parte A desta proba, segundo o baremo de oposicións de 2020, os candidatos e
candidatas de inglés deben realizar un exercicio de respostas a preguntas
formuladas sobre o uso funcional da lingua, con cuestións sobre aspectos
lingüísticos, literarios ou socioculturais, a partir dun texto en prosa en
lingua inglesa. Porén, segundo as experiencias dalgún docente que participou na
charla organizada por Carla, o tipo de preguntas que se realizan non son
acordes ás cuestións que se deberían formular sobre o uso funcional da lingua e
exixen un nivel sumamente alto.
Por outra
banda, a segunda proba tamén abrangue dúas partes: a parte A implica presentar
e defender unha programación didáctica organizada en quince unidades didácticas
e a parte B fundaméntase na exposición dunha unidade didáctica ante o tribunal.
Neste caso, o docente presentounos as características que debe posuír unha programación,
que me serviron para aclarar as miñas ideas e entender que a unidade didáctica
que elaborara en materias anteriores non se correspondía co formato requirido.
Dado que a extensión da programación non pode superar os sesenta folios sen
incluír os anexos, cada unidade didáctica debe ocupar, aproximadamente, dous
folios escritos a unha soa cara.
Alén destes aspectos, a segunda parte da sesión estivo dedicada a explicarnos a tarefa que debiamos levar a cabo de xeito individual. Dado que estivemos falando das características que debía ter unha programación, o docente pediunos que elaborásemos unha programación didáctica conxunta. Durante o proceso, dividiunos en grupos e asignounos unha parte da programación a cada un, aínda que deixou á parte o apartado das unidades didácticas. No meu caso, eu traballei coa miña compañeira Antía na parte das actividades complementarias, así que deseñamos actividades que se puideran introducir despois nas unidades didácticas. Para facelo, consultamos as programacións didácticas dalgúns centros, co obxectivo de analizar puntos comúns que nos puidesen servir de axuda. Así, posteriormente, redactamos as actividades e establecemos a súa descrición, a temporización, o espazo e os recursos precisos para levalas a cabo.
Aquí podedes botarlle un ollo á nosa parte e ao resultado final da programación conxunta. Tamén vos deixo un vídeo interesante sobre as situacións de aprendizaxe, que vos pode ser útil á hora de elaborar as vosas unidades didácticas:
Unha vez deseñados os distintos apartados das programacións, o obxectivo da tarefa era que cada un elaborase unha unidade didáctica para unilas e conseguir unha programación completa. Ao principio parecía un labor difícil, pero tivemos a sorte de contar con recursos e materiais, entre os que se atopaba un modelo de unidade para Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato. Ademais, o docente permitiunos adaptar os materiais que xa empregaramos nunha unidade didáctica anterior, polo que iso nos permitiu axilizar o proceso. Esta foi a miña creación:
Desde a miña
perspectiva, a elaboración da programación e da unidade promoveu e incentivou
as miñas competencias para sintetizar a información e os contidos, xa que a
única unidade que elaborara tiña unha extensión desproporcionada e non acorde
aos requisitos que se establecen nas oposicións. Así mesmo, o feito de levar a
cabo unha programación entre todos fomentou o traballo colaborativo e a
aprendizaxe entre iguais, posto que todos tiñamos que seleccionar información
en base ao noso propósito para despois sintetizala e elaborar un produto final.
En definitiva,
explorar o tema das programacións didácticas e o baremo das oposicións resultou
ser unha experiencia enriquecedora que non só nos permitiu afondar na
comprensión de contidos, senón que tamén nos axudou a traballar competencias
clave como a competencia dixital, a lingüística, a cidadá e a persoal, social e
de aprender a aprender. Ademais, tamén evidenciou a importancia do traballo
colaborativo e da aprendizaxe autónoma, de xeito que todos tivemos a
oportunidade de construír a nosa aprendizaxe mentres elaborabamos unha unidade
didáctica.
Que opinades vós? Lereivos nos comentarios!

.png)
Ola Ariadna!
ResponderEliminarParéceme que a túa entrada é moi completa, sobre todo porque fas un moi bo resumo dos aspectos referidos ás Oposicións que se falaron na clase. A verdade é que estivo moi ben que nos explicara como é todo o proceso e as súas partes, xa que no resto de materias só a nomearon sen explicar nada máis. Ademais, que se falara tamén do baremo e dos puntos que podes ter por cumprir x requisitos pareceume moi útil, e moitas grazas por enlazar esa páxina do ANPE con cursos que nos poden servir.
Con respecto á programación feita en común e a elaboración da unidade didáctica individual pásame coma ti, serviume para afianzar eses coñecementos que xa tiña e pareceume un traballo necesario para ver como se deben facer as 15 unidades didácticas que teremos que entregar nun futuro xa non tan lonxe nas Oposicións. Ademais, ao traballar conxuntamente na programación non tivemos tanto traballo coma a última vez que a fixéramos e puidemos traballar de forma colaborativa unha volta máis.
Unha vez máis moitas grazas por ese enlace tan interesante e polo vídeo sobre como deseñar unha situación de aprendizaxe.
Un saúdo,
Andrea