Tema 4: O ensino-aprendizaxe e certificación de linguas estranxeiras polas institucións internacionais (Carla)
As prácticas restaurativas como medio para transformar conflitos e fortalecer comunidades educativas
Na sesión do
tema 4, tivemos a oportunidade de recibir unha charla na que puidemos escoitar
experiencias diferentes de persoas que realizaron este mestrado e tomaron
camiños distintos. Entre todas elas, había unha docente que aprobou as
oposicións en Galicia, polo que nos deu algún consello que lle resulta práctico
á hora de impartir as clases de lingua estranxeira. Todo o que comentou era
interesante, pero a metodoloxía das prácticas restaurativas que mencionou
chamoume moito a atención pola súa utilidade á hora de xestionar conflitos e
establecer vínculos.
Que
vos parece se afondamos un pouco na análise deste método? En
primeiro lugar, convén conceptuar o termo para saber cal é o obxectivo destas
prácticas.
As prácticas
restaurativas concíbense como unha metodoloxía que promove a convivencia
comunitaria a través da prevención e a resolución compartida e pacífica dos
conflitos entre todos os integrantes dunha comunidade (Fiol e Merchante, 2013:
216). No caso da comunidade educativa, este enfoque pretende crear espazos
seguros para crear conversacións que afonden na relación, nos procesos xustos e
respectuosos e no diálogo restaurativo (Schmitz, 2018). É evidente que nas
aulas poden xurdir conflitos a diario, nos que o alumnado mostra comportamentos
indebidos, pero para os cales o castigo e a sanción non sempre son os mellores
recursos.
Por esta
razón, considero que as prácticas restaurativas poden axudar a xestionar os
problemas de comportamento mediante o diálogo e a participación, co propósito
de restablecer relacións e promover procesos colaborativos de
responsabilización. Con todo, esta metodoloxía abrangue distintos tipos de
prácticas, que se sitúan nun rango que vai desde o informal ao formal.
As primeiras
poden desenvolverse de xeito espontáneo e non requiren tanta organización
previa como as formais. Dentro delas, distinguimos os seguintes tipos:
- A escoita: unha técnica centrada nesa construción
de relacións interpersoais e sociais seguras, nas que o alumnado pode expresar
de xeito libre os seus afectos. Segundo autores como Schmitz (2018: 44), saber
escoitar é saber comunicarse co outro para reconectar naturalmente co noso
arredor, por iso fai referencia ao autor Stephen Covey, que diferencia varios
tipos de escoita.
Dentro
das que se deben evitar, atopamos a escoita ignorada na que o
docente ignora ou non toma en conta o que está dicindo un estudante; a escoita
finxida, na que o mestre lle fai crer ao estudante que o está escoitando,
pero adoita estar levando a cabo outra actividade paralela; e a escoita
selectiva, na que o só se lle presta atención á parte da mensaxe que se considera máis relevante.
Pola contra,
hai dous tipos de escoita que constitúen unha forma óptima de empatizar co
alumnado. Por unha banda, está a escoita activa, na que o docente escoita con
atención e centra toda a súa enerxía nas palabras e ideas do comunicado para
demostrarlle ao alumnado que interpretou e comprendeu a mensaxe. Por outra banda, distinguimos a escoita empática, que é o nivel máis elevado que o docente pode
alcanzar. Consiste en captar a mensaxe sen
prexuízos, co obxectivo de comprender os sentimentos do alumnado, apreciar o
seu punto de vista, poñerse no seu papel e apoialo.
- As declaracións afectivas: pretenden
crear un espazo de empatía no que o alumnado sexa capaz de expresar os seus
sentimentos, un paso moi importante que pode cambiar a dinámica entre o docente
e o alumnado. Grazas a elas, os alumnos e alumnas constrúen unha imaxe do
docente na que perciben que se preocupa polos seus sentimentos. Deste xeito, se
non acadan as expectativas que se esperan deles, sentirán que quebrantaron
unha norma e, ao mesmo tempo, a súa relación co docente.
Segundo
o meu criterio, esta é unha técnica que axuda a humanizar ao profesorado porque
este é quen de transmitir o traballo que hai detrás das clases e a importancia
de mostrar unha actitude proactiva na clase. Por se vos interesa, adxúntovos
este vídeo no que se presenta un exemplo concreto e práctico moi útil nunha
situación de conflito:
- As preguntas restaurativas ou afectivas: pretenden dar voz ao alumnado involucrado para construír unha comprensión, polo que poden ser preguntas dirixidas ao ofensor, á vítima e ao resto dos involucrados. Segundo Schmitz (2018: 58), as preguntas deben posuír unha perspectiva que vai desde o pasado ata o futuro e deben ser neutras, abertas e sen xuízos para que o alumnado sexa visto dun xeito obxectivo e teña a oportunidade de contar a súa propia historia.
Na miña opinión, pode ser unha técnica moi eficaz para que os estudantes non se sintan intimidados, por iso é importante afastarse de preguntas do tipo «por que o fixeches?», que poñen o foco na culpa. Na guía de formación do autor que mencionei anteriormente, preséntanse un modelo de preguntas do experto Terry O’Connell que me pareceron útiles á hora de levar a cabo este método. Que opinades vos?
En
contraposición a todo o anterior, as prácticas formais requiren un certo grao
de coordinación e organización, xa que involucran a varios individuos (Rosa e
Quito, 2023: 600). Para levalas a cabo, podemos empregar tres tipos de
ferramentas:
- Os círculos restaurativos: buscan crear
un sentimento de grupo e son beneficiosos para explorar temas profundos, previr
problemas, escoitar ao alumnado máis introvertido, chegar a acordos e mesmo
facer revisións de contidos relacionados co curso. Dado que se poden adoptar
distintos enfoques (círculos restaurativos con enfoque proactivo e con enfoque
reactivo ou de resposta) e varios tipos de círculos (secuencial, non secuencial
e peixeira) falareivos dun dos que máis me chamou a atención, que é o círculo
peixeira.
Este círculo pareceume útil para traballar ou xestionar conflitos entre dúas clases do mesmo curso, xa que está pensado para grandes grupos de máis de 30 persoas. A idea é formar un círculo interior (5-12 persoas) e outro exterior que o rodea, denominado «círculo dos observadores». A peculiaridade é que no círculo interior hai unha cadeira baleira para que un participante do círculo de observadores poida levantarse, expresar o que ten que dicir e volver ao seu sitio para que outro participante poida compartir a súa perspectiva. Deste xeito, a práctica evita repetir dúas veces a mesma suxerencia porque está organizada en catro fases moi ben definidas:
Fonte: elaboración propia a partir de Schmitz (2018: 78).
Que
vos parece? Empregaríadelo? Ocórresevos algunha situación particular para
facelo? Eu penso que pode ser valioso para que algún alumno ou alumna expoña unha
dificultade que posúe con algún tema e que os seus pares lle proporcionen
solucións, xa que a aprendizaxe entre pares pode chegar a ser especialmente
significativa.
- As reunións restaurativas: están
ligadas á xustiza restaurativa e baséanse na toma de conciencia do que sucedeu
para recoñecer o dano causado e propoñer solucións (Rocha e Quito, 2023: 600).
- As reunións de grupo familiar: están
enfocadas a problemas familiares e, polo tanto, están suxeitas a vontade e aos
recursos cos que conte a familia implicada para introducir a técnica e solucionar os
conflitos (ibid.). Neste caso, o facilitador desempeña un papel clave para crear
plans de intervención, acompañar na toma de decisións e establecer acordos.
En definitiva,
hai múltiples tipos de prácticas restaurativas que se poden levar a cabo nas
aulas para fomentar un ambiente educativo positivo e constructivo. Desde o meu
punto de vista, todas poden contribuír a crear un clima escolar seguro onde o
alumnado se sinta cómodo e exprese os seus sentimentos, ao tempo que aprende a
asumir as consecuencias das súas accións e a autocontrolarse.
Como vedes, é
un tema moi amplo, así que se queredes ler un pouquiño máis sobre el, déixovos
esta recomendación.
Bibliografía:
Fiol, M. B. P.
e Merchante, C. V. (2013). Prácticas restaurativas: construíndo a comunidade
desde os centros de ensinanza. Educació i cultura: revista mallorquina de
Pedagogía, 24, pp. 213-224. https://ibdigital.uib.es/greenstone/collect/educacio/index/assoc/Educacio/_i_Cultu/ra_2013v/24p213.dir/Educacio_i_Cultura_2013v24p213.pdf
Rocha, G. E. e
Quito, V. P. (2023). Mediación escolar y práctica restaurativa para la
conciliación y prevención de los conflictos de aula. Cienciamatria 9.1,
pp. 592-604. https://www.cienciamatriarevista.org.ve/index.php/cm/article/view/1086
Schmitz, J. (2018). Guía Prácticas Restaurativas para la prevención y gestión de conflictos en el ámbito educativo. https://www.pdabullying.com/es/resource/guia-practicas-restaurativas-para-la-prevencion-y-gestion-de-conflictos-en-el-ambito-educativo-jean-schmitz-2018

.png)
.jpg)
Hola Ariadna! Encantoume a sesión na aula cos ex-alumnos tanto coma ti, e a dicir verdade quedéime moi intrigada co tema das prácticas restaurativas, por iso quero darte as grazas por esta pequena afondamento no tema.
ResponderEliminarO que máis me gusta desta práctica e o punto de reforzo das habilidades comunicativas tanto do alumnado coma do profesorado, porque deste xeito sempre se establecen coma implicados en crear un bo ambiente na aula, tanto alumnado coma profesorado. O momento inicial de contexto máis informal da escoita pareceume máis que crucial en preciso. Hoxe en día o concepto de escoita dáse por sentado coma activa ou simplemente ignórase, de xeito que non nos estamos a decatar dos outros tipos de escoita que existen nun entorno grupo aula dende o alumnado ao profesor e viceversa. Co coñecemento dos termos a súa posta en práctica faise máis doada e a escoita empática da que nos falabas alcanzaríase rompendo tódalas barreiras que nos presentan moitas veces os prexuízo ou os estereotipos.
Tamén falaches das preguntas restaurativas coma metodoloxía para establecer un vínculo de respeto co alumando e entre alumnos. Isto pareceume interesante xa que moitas veces nin alumnos nin docente nos decatamos que aínda que as relacións de amizade ou afecto non poden forzarse entre nós debemos convivir nunha atmosfera que emane respeto e harmonía. Coa realización destas preguntas estes ambientes xéranse de xeito indirecto xa que axudan a aparición da empatía entre nós.
En resumen, todas estas prácticas deben converterse en dinámica nas nosas aulas para facilitar tanto a aprendizaxe do alumnado coma a nosa ensinanza e xerar así ese espazo seguro do que falabas. Moitas grazas por afondar neste tema e achegar un coñecemento tan interesante coa túa entrada!