Tema 2: Marco Común Europeo de Referencia para as linguas. Obxectivos, métodos e prioridades da política lingüística europea (Carla)
Rumbo á mestría lingüística: o PIALE e o seu compromiso coa inmersión lingüística docente
No tema 2, que versa sobre o Marco Común Europeo de Referencia para as linguas, a docente mencionou un programa formativo para o profesorado do que nunca escoitara falar. A súa denominación completa é Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) e o seu obxectivo primordial reside en que os docentes realicen inmersións culturais para coñecer en primeira persoa algúns sistemas educativos do mundo. A idea soa ben, non? Pois, se vos parece, imos facer un pequeno labor de investigación que nos permita afondar un pouco máis nesta actividade de formación.
Para comezar, debemos saber quen é o profesorado destinatario deste tipo de programa, xa que, como especialistas de linguas, pode ser unha opción interesante que deberíamos ter en conta na nosa futura práctica docente. Así, aínda que a Orde do 20 de abril de 2023 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios ligados ao PIALE explica en detalle o profesorado destinatario de cada actividade formativa, podemos distinguir varios tipos de perfís. Iso si, todos deben ser funcionarios de carreira ou en prácticas en centros educativos públicos e non universitarios.
Perfís dos docentes destinatarios:
- O docente especialista nalgunha
lingua estranxeira do programa (inglés, francés, portugués, alemán), que
imparte esa lingua en Educación Infantil, Educación Primaria, Educación
Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional ou EOI.
- O docente AICLE, que imparte
algunha materia, área ou módulo non lingüístico nunha lingua estranxeira, ou
que participa en programas de seccións bilingües e de centros plurilingües.
- O docente non especialista, que imparte docencia nunha aula ou está interesado en impartir unha sección bilingüe e ten acreditado un nivel B2 ou superior do MCERL nalgunha das linguas estranxeiras mencionadas anteriormente.
No que atinxe á segunda modalidade,
esta consiste nun curso formativo no estranxeiro, que se pode desenvolver en Reino
Unido, Francia, Portugal ou Alemaña. O curso posúe unha duración de dúas
semanas no mes de xullo e remata cunha fase na que os docentes tamén deben
presentar unha proposta didáctica, así que considero que tamén pode ser unha
experiencia interesante para aqueles docentes que teñan responsabilidades
familiares ou compromisos laborais que lle impidan asistir un mes á primeira
modalidade.
Por conseguinte, agora que xa
posuímos unha visión panorámica da estrutura na que se organiza o programa,
podemos proceder a centrar a nosa atención en experiencias persoais que nos
permitan confeccionar unha opinión acerca do PIALE. No meu caso, no centro no
que comecei a realizar as prácticas este mes de novembro, descubrín que a miña
titora participara na modalidade de integración o ano pasado. Ela viaxou a
Canadá durante un mes e resume a súa experiencia como enriquecedora a todos os
niveis porque coñeceu novas metodoloxías educativas que lle permitiron abrirse a novas perspectivas pedagóxicas. De feito, nesta noticia podedes consultar a entrevista que lle fixeron, na que está acompañada doutro docente que tamén participou.
A pesar de que non tiven tempo para
conversar con ela sobre a súa experiencia, tamén lle botei unha ollada a varias
entrevistas de participantes dispoñibles na rede, como por exemplo a de Elena
Gómez. Todos concordan en que é unha oportunidade única e algúns deles valoran especialmente a posibilidade de poder integrarse con familias na
modalidade de integración, xa que así poden facer amizades, coñecer
en profundidade a cultura e flexibilizar os seus propios hábitos no proceso de convivencia.
Entrevistas a docentes que participaron no programa:
Do mesmo xeito, tamén consideran
que é unha experiencia que lles beneficia persoal e profesionalmente porque
teñen a oportunidade de viaxar, coñecer o país e a súa cultura, asistir a
clases impartidas nunha lingua estranxeira, ampliar o seu vocabulario, e, sobre
todo, coñecer desde dentro un sistema educativo diferente ao español. Polo que
puiden comprobar, grazas a estas experiencias, podemos afirmar que existen
múltiples diferenzas entre os distintos sistemas educativos do mundo. A modo
de exemplo, recollerei as disimilitudes existentes entre o sistema canadense e o
español, segundo a opinión de profesorado que participou no programa:
Unha vez exposta toda esta
información, gustaríame dar a miña opinión sobre o programa. No meu caso, creo
que a modalidade máis interesante é a de integración, xa que o curso formativo
de dúas semanas non permite afondar tanto no proceso de aprendizaxe. Non
obstante, penso que a viaxe e a integración nun centro escolar doutro país
durante un mes pode ofrecer vivencias inesquecibles e útiles para aplicar
posteriormente na volta a España.
Neste sentido, o profesorado pode
descubrir novos métodos educativos que sexan máis eficaces e permitan mellorar
os resultados en institutos da nosa comunidade. Segundo o meu criterio, a
actualización metodolóxica do profesorado é crucial porque permite que este se
adapte ás necesidades do alumnado e á demanda dunha sociedade que se atopa en
constante cambio e evolución. Amén do anterior, a oportunidade de observar como
se traballa en centros doutros países capacita aos docentes para abordar
desafíos actuais como a integración da tecnoloxía na aula, a promoción da
inclusión e a xestión de ambientes de aprendizaxe diversificados.
En canto á metodoloxía AICLE, creo que este programa pode aumentar a confianza e contribuír ao desenvolvemento da competencia lingüística do profesorado non especialista que imparte materias nalgunha lingua estranxeira. Ademais, dado que o profesorado pode interactuar con docentes de diversas áreas, poderase fomentar un enfoque interdisciplinario na ensinanza da lingua estranxeira, que é o que busca esta metodoloxía.
De todos os xeitos, para rematar,
gustaríame remarcar a que penso que pode ser a ensinanza máis proveitosa da
viaxe: a integración da diversidade, da interculturalidade e do papel que
desempeña o alumnado. Fomentar a liberdade individual, os reforzos positivos e
a autonomía é esencial para crear unha educación igualitaria, xusta e
equitativa. Que opinades vós?
Referencias:
A voz da mata. (2020). Entrevista programa Piale. Elena Gómez. Ivoox.https://www.ivoox.com/entrevista-programa-piale-elena-gomez-audios-mp3_rf_46642196_1.html
ORDE do 20 de abril de 2023 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa Integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) para o ano 2023. (DOG, Núm. 81, 27 de abril de 2023). https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230427/AnuncioG0655-200423-0002_gl.html
Radio Bolboreta. (2020). Espazo aberto. Entrevista a Raquel Arias sobre o Piale. Ivoox.https://www.ivoox.com/espazo-aberto-entrevista-a-raquel-arias-sobre-o-audios-mp3_rf_46730161_1.html
Referencias das imaxes:
A atribución das imaxes non está citada en cada figura porque todas se tomaron de Pixabay, unha plataforma que ofrece imaxes con licenza libre.


.jpg)

Comentarios
Publicar un comentario