Tema 1: O ensino de linguas no presente modelo educativo, estatal e autonómico (Carla)
Excelencia educativa? O PBL e o enfoque AICLE nun diálogo global
Nesta entrada, gustaríame facer
unha reflexión acerca dun aspecto relacionado co tema un, que se centra no
ensino de linguas no presente modelo educativo, estatal e autonómico. Dado que
unha das cuestións que me chamou a atención foi o éxito das políticas educativas
finlandesas á hora de guiar ao seu alumnado, decidín consultar algún informe
para ser consciente do nivel e dos resultados que se obteñen neste país. Porén, tras
afondar no Informe PISA de 2018, decateime de que aínda hai
diferenzas de xénero no que respecta ao rendemento académico e ás metas ou
aspiracións laborais que posúen os mozos e as mozas finlandeses. Parece logo que non é ouro todo o que reloce...
Así mesmo, no que ao nivel de inglés se
refire, é preciso subliñar que o Índice EF do 2023 sinala que os resultados de Finlandia experimentaron unha caída, aínda que continúa situándose entre os países máis competentes nesta lingua. Cal será, polo tanto, a razón deste nivel de inglés
elevado? Residirá no tipo de enfoque, que está centrado no estudante, na
colaboración e na aplicación práctica do coñecemento? A continuación,
analizaremos a metodoloxía que se adoita aplicar neste país para reflexionar e poder chegar a unha conclusión entre todos e todas.
Mentres tanto, é necesario atender á situación de España, que xa comentamos na clase. Este é
un país no que, a pesar de introducir a ensinanza dunha primeira lingua
estranxeira desde a Educación Infantil, a comprensión oral do alumnado en
inglés non supera, en máis da metade dos casos, un nivel pre-A1 ou A1. Non
obstante, debemos ser conscientes de que entre Finlandia e España hai unha
serie de factores culturais, históricos, económicos e políticos que inflúen á
hora de organizar a ensinanza e que provocan que os modelos educativos non
sexan transferibles. A percepción da educación, a historia, o papel do docente,
a participación dos proxenitores e os recursos financeiros son algúns dos
aspectos dos que dependen as prácticas educativas, que se deben adaptar ao
contexto estrutural e cultural de cada país.
No caso de Finlandia, en 2016, este
país creou e introduciu un dos métodos educativos máis revolucionarios e
efectivos en materia de educación, o Phenomenon Based Learning (PBL). Por
esta razón, sería interesante prestar atención ás súas implicacións para poder
reflexionar acerca das súas similitudes e diferenzas con outras metodoloxías.
Que é o PBL?
Este enfoque educativo, denominado Phenomenon
Based Learning, Project Based Learning ou mesmo Problem Based
Learning, fai fincapé na aprendizaxe activa e na resolución de problemas
prácticos a través da observación de fenómenos e da realización de proxectos. Non
obstante, convén preguntarse e profundizar no tipo de fenómenos e proxectos nos
que se focaliza.
En liñas xerais, a metodoloxía PBL busca que os alumnos e as alumnas se centren nun fenómeno contextualizado na vida real, que se converta en obxecto de observación, en modelo sistémico e nun punto de partida motivador para iniciar o proceso de aprendizaxe (Vasileios, Schwarz, 2016: 36). Noutros termos, este fenómeno debe estudarse como unha entidade completa e observarse desde distintos puntos de vista, posto que nel a aprendizaxe consta de cinco dimensións (Yebra, 2021: 20):
- A holisticidade, que fai referencia ao feito de que a aprendizaxe non se limita a adquisición de coñecementos fragmentados, senón que é multidisciplinar e integral. Isto lévanos a pensar que os proxectos e actividades que debe realizar o alumnado teñen que abordar distintas áreas de coñecemento e conectar disciplinas para fomentar unha comprensión completa e profunda.
- A autenticidade, que alude á necesidade de que os proxectos e problemas presentados aos alumnos e alumnas reflexen situacións relevantes e aplicables á vida cotiá ou a contextos profesionais, co propósito de promover a aprendizaxe significativa.
- A contextualidade, que indica que os fenómenos non se poden predicir, polo que o alumnado debe observalos e formular teorías.
- A aprendizaxe por indagación ou hipótese, que anima a explorar, investigar, formular preguntas e hipóteses, polo que deducimos que pretende promover a autonomía e o pensamento crítico.
- O proceso de aprendizaxe, que en lugar de centrarse nos resultados finais, remarca a importancia do proceso no que os estudantes se enfrontan a problemas, traballan en equipo, investigan e aprenden.
En poucas palabras, o PBL permite que o alumnado estableza conexións entre as distintas áreas que abrangue un fenómeno, ao tempo que fomenta o desenvolvemento de competencias útiles no século XXI. Ademais, é un enfoque que presenta retos dos que debemos ser conscientes como docentes, así que se vos interesa consultar máis detalles sobre o método, non dubidedes en botarlle unha ollada a seguinte charla TED, que se estende un pouco máis acerca deste tema:
No caso da lingua estranxeira,
Finlandia aposta por este enfoque á hora de mesturar de xeito transversal a
aprendizaxe da lingua estranxeira con outras materias como Natural Science
ou Arts. Deste xeito, o docente emprega a aula para ofrecer unha
explicación sistemática dos fenómenos do mundo real e despois o alumnado leva a
cabo un estudo destes fenómenos, o cal pode ser superficial ou profundo. Por conseguinte, podemos afirmar que neste proceso o docente é un guía, así que o protagonista é o alumnado que toma
decisións propias e encadea coñecementos.
Que vos parece se comparamos o PBL coa metodoloxía AICLE?
Actualmente, España é un país rexido por unha lexislación educativa que destaca a importancia de introducir metodoloxías activas. De feito, tamén se adoptan e aplican enfoques de Aprendizaxe Baseada en Proxectos (ABP), que buscan incentivar a aprendizaxe colaborativa e cooperativa. Porén, no ámbito das linguas estranxeiras, un dos métodos propostos nas políticas educativas, que está presente neste primeiro tema da materia, é a Aprendizaxe Integrada de Contidos e Linguas Estranxeiras (AICLE).
A AICLE fundaméntase na aprendizaxe da lingua a través do uso (learning by using) e ten como propósito ensinar materias, ou partes delas, nunha lingua estranxeira e mediante un enfoque dual, que busca ensinar contidos específicos ao tempo que posibilita adquirir habilidades nesa lingua estranxeira (Solano, 2015: 8). Que opinades deste método? A continuación, facilítovos un vídeo moi interesante e ideal para comprender as bases do enfoque:
Reflexionemos sobre as similtudes e diferenzas entre o PBL e a AICLE. Cal vos parece o método máis efectivo para aprender unha lingua estranxeira?
|
Similitudes |
|
Construtivismo: ambos métodos parten
desta teoría, que promove a aprendizaxe cooperativa e significativa, na que o
alumnado constrúe o seu propio coñecemento. |
|
O obxectivo
comunicativo é o punto de encontro entre ambos enfoques. |
|
O enfoque
integrado: nos dous casos é posible integrar a aprendizaxe dunha lingua
estranxeira con outros coñecementos e habilidades. |
|
A autonomía
do alumnado e os contextos reais que se lle ofrecen. |
|
Diferenzas |
|
Obxectivos
lingüísticos e enfoque:
o PBL pode aplicarse a varias áreas de coñecemento, mentres que a AICLE está
máis centrada en materias específicas como Matemáticas, Ciencias Sociais ou
Xeografía e Historia. A pesar de que o PBL tamén pode mellorar habilidades
lingüísticas, a AICLE posúe un enfoque máis centrado en traballar certas
habilidades como a comprensión e expresión oral e escrita. |
|
Flexibilidade: o PBL ofrece máis
flexibilidade nos temas (desde o ámbito local ao global) e nos enfoques, xa
que o alumnado pode investigar temas de interese e resolver problemas. Porén, a AICLE posúe unha estrutura máis ríxida porque se debe adaptar a requisitos
específicos do plan de estudos. |
|
Rol do docente: no PBL os docentes
actúan como guías ou orientadores na investigación e no traballo en equipo,
mentres que na AICLE os docentes desempeñan un papel crucial ao integrar a
lingua estranxeira e os contidos. |
Referencias:
Solano, M. (2015). La metodología del Aprendizaje Integrado de Contenidos y Lengua Extranjera (AICLE). Su implantación en un centro escolar. https://uvadoc.uva.es/handle/10324/12919
Vasileios, S. e Schwarz, J. (2016). Phenomenon based teaching and learning through the pedagogical lenses of phenomenology: The recent curriculum reform in Finland. Forum Oświatowe, vol. 28, 2(56). Unoversity of Lower Silesia. https://www.forumoswiatowe.pl/index.php/czasopismo/article/view/458
Yebra, N. (2021). Similitudes y diferencias de la enseñanza del inglés como lengua extranjera dentro de la Educación Primaria en España y Finlandia. https://uvadoc.uva.es/handle/10324/49146
Referencias das imaxes:
EF EPI. (2023). Índice EF de nivel de inglés. https://www.ef.com.es/assetscdn/WIBIwq6RdJvcD9bc8RMd/cefcom-epi-site/reports/2023/ef-epi-2023-spanish.pdf
Mora, M. e Sánchez, V. (2016). CLIL en el aula: el aprendizaje del cuerpo humano. https://www.elesapiens.com/blog/clil-en-el-aula-el-aprendizaje-del-cuerpo-humano/
PISA Publications. (2018). Programe for International Student Assessment (PISA) Results from Pisa 2018. Finland, OECD. https://www.oecd.org/pisa/publications/PISA2018_CN_FIN.pdf
.png)
.png)

Comentarios
Publicar un comentario